Ir ao contido da p�xina

Solicitude das axudas ao estudo para o estudantado da USC

Solicitude das axudas ao estudo para o estudantado da USC

Identificación

Código: PAE 24/04

Nome: Solicitude das axudas ao estudo para o estudantado da USC.

Clasificación: Extensión universitaria, Axudas, Axudas ao estudo.

Inicio e instrucións

Enderezo de inicio: Inicio do procedemento

FINALIDADE

As presentes axudas teñen por obxecto sufragar parcialmente os gastos de aloxamento, transporte, e/ou material de estudo que as persoas matriculadas en estudos de grao ou mestrado na USC deban afrontar durante o curso 2024/2025.

O contido da axuda consistirá na achega da cantidade de 1.000 € por persoa beneficiaria, que se adxudicará ás 225 persoas que obteñan máis puntuación segundo o establecido nestas bases.

No caso de que a persoa beneficiaria sexa tamén beneficiaria das axudas para manutención durante o curso 2024/2025, a contía da axuda será de 480 €, unha vez descontado o bono comedor recibido, valorado en 520 €.

As persoas beneficiarias das bolsas de carácter xeral para o curso académico 2024/2025 para estudantes que cursen estudos postobrigatorios (Bolsas do MEC) que perciban dentro da contía fixa o compoñente por “residencia do estudante durante o curso escolar”, non poderán destinar o importe destas axudas ao estudo para gastos de aloxamento. Si que poderán destinalo a gastos de transporte e/ou material de estudo.

 

DESCRICIÓN

Para poder optar ás axudas para manutención hai que cumprir os seguintes requisitos:

1. Requisitos académicos

- Estar matriculado/a no curso actual en estudos conducentes á obtención dun título oficial de grao ou mestrado en calquera centro da USC.

- Non estar en posesión ou en condición de posuír un título do mesmo ou superior nivel ao dos estudos nos que se matricula para solicitar a axuda.

- Formalizar matrícula de, polo menos, 30 créditos,ou no caso de estudos de grao, formalizala dos créditos restantes para rematar os estudos.

- Non poderá participar o alumnado que estea cursando nesta Universidade un programa de mobilidade entrante nacional ou internacional, así como o alumnado que na data de remate do prazo de solicitude se atope cursando un programa de mobilidade noutra universidade

2. Requisitos económicos

Os requisitos económicos referiranse á Renda Persoal Dispoñible (RPD) da persoa solicitante, que non poderá superar os 9.000 euros, así como á existencia de situacións laborais e económicas de especial gravidade posteriores ao cálculo da RPD, que haberán de xustificarse documentalmente. Neste último suposto, poderase optar ás axudas aínda que no exercicio correspondente para o cálculo da RPD se superasen os 9.000 euros.

 

A valoración das propostas virá dada pola puntuación obtida nun dos seguintes apartados, que serán excluíntes entre si:

a) 100 puntos como máximo en función da Renda Persoal Dispoñible (RPD) segundo a seguinte táboa:

RPD

Puntuación máxima

Até 1.000 €

100

Entre 1.000,01 e 3.000 €

90

Entre 3.000,01 e 5.000 €

80

Entre 5.000,01 e 7.000 €

70

Entre 7.000,01 e 9.000 €

60

Máis de 9.000 €

0

b) 100 puntos como máximo que se corresponderán coa valoración de situacións laborais e económicas sobrevidas que non se puideron ter en conta no cálculo da RPD, que provocaran un grave deterioro da economía da unidade familiar. Poderanse valorar situacións de desemprego, ERTE, ERE, falecemento ou peche de actividade no caso das persoas autónomas, entre outras.

Instrución e resolución do procedemento

1. O órgano competente para instruír o procedemento será a Vicexerencia Xeral Técnica, coa asistencia dunha Comisión Avaliadora para a valoración das solicitudes. O órgano competente para ditar as resolucións derivadas do procedemento é a Xerencia.

2. Unha vez revisadas todas as solicitudes publicarase unha resolución provisional na que se incluirá a puntuación daquelas solicitudes admitidas a trámite e as excluídas, con indicación do motivo da exclusión.

As persoas interesadas poderán formular as alegacións que consideren oportunas no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela da anterior resolución.

3. A resolución definitiva sobre o outorgamento das axudas publicarase no taboleiro electrónico da USC no prazo máximo de dous meses, contados dende a publicación daconvocatoria en vigor.

4. A falta de resolución expresa, unha vez transcorrido o prazo máximo para resolver e publicar, dará lugar a que se entendan desestimadas as correspondentes solicitudes por silencio administrativo negativo, podéndose interpoñer igualmente fronte ao acto presunto o recurso de reposición ou o contencioso-administrativo.