Presentación da sede
A aprobación das Leis 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, supuxo a confirmación da Sede Electrónica como un dos piares das relacións electrónicas entre os cidadáns e a administración universitaria, actuando como instrumento para facilitar os dereitos de acceso dos cidadáns por medios electrónico á información, aos servizos e aos trámites electrónicos que a Universidade de Santiago de Compostela poña en marcha.
Coa implantación da Sede Electrónica, a Universidade de Santiago de Compostela pretende, por unha parte, facilitar o acceso aos seus servizos e, pola outra, crear un espazo de relación cos cidadáns no marco dunha xestión administrativa coas garantías necesarias, diferenciando o concepto de portal de comunicación do de Sede Electrónica. Así, o portal www.usc.es ten un compoñente institucional, de información xeral sobre a Universidade, mentres que a Sede Electrónica https://sede.usc.es establece un marco de comunicación e interacción co cidadán en relación cos servizos electrónicos prestados pola Universidade.
A Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela funcionará de conformidade cos principios transparencia, publicidade, responsabilidade, calidade, seguridade, dispoñibilidade, accesibilidade, neutralidade e interoperabilidade recollidos no artigo 38.3 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.
A Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela estará dispoñible todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día, sen prexuízo das interrupcións técnicas que sexan imprescindibles.
A titularidade da Sede Electrónica corresponderá á Universidade de Santiago de Compostela.
O órgano responsable da xestión e seguridade da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela é a Secretaría Xeral. Igualmente, corresponderalle a coordinación e supervisión da implantación das medidas xurídicas, tecnolóxicas e administrativas necesarias para o correcto funcionamento da sede e a responsabilidade da veracidade e actualización da información e os servicios aos que poda accederse a través da mesma, de acordo co establecido na Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público. Para calquera consulta pode dirixirse a sec.xeral@usc.es.
As tarefas de administración material e mantemento da Sede Electrónica, corresponden á Área de Tecnoloxías da Información e Comunicación (ATIC). En especial, deben implantar as medidas de seguridade que garantan a accesibilidade e integridade da información e os servizos ofrecidos na sede. Para calquera consulta pode dirixirse a cau@usc.es.
As condicións e especificacións técnicas da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, son as establecidas no Regulamento de transformación dixital, administración electrónica e desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, http://hdl.handle.net/10347/30358